| Cordas clásicas do C.S.C.R de Beade |
|
|
Nos primeiros anos da década dos 80 nace este grupo musical, como consecuencia da inquedanza espertada nuns mozos que descobre o músico compostelán Adolfo Paz Campos (ó pouco tempo de residir en Beade), que logo ía ser o fundador e director do grupo. Para esta labor, tomou como sede de ensaios o Centro Social, Cultural e Recreativo de Beade, adoptando o grupo o nome de “Cordas Clásicas do C.S.C.R. de Beade”. Adolfo Paz Campos comezou ensinando solfeo ós integrantes do grupo, pasando a continuación a instruílos no manexo e dominio de instrumentos como mandolinas, bandurrias, laúdes, violíns e guitarras, de xeito que “Cordas Clásicas do C.S.C.R. de Beade” converteuse no pioneiro de todos os grupos musicais que existen hoxe na Parroquia de Beade, adoptando un caracter moi particular pola concordancia que acada entre os instrumentos de púa e pulso. Aínda que no seu inicio aprenderon pezas de doada execución, o traballo firme durante todos estes anos permítelles a interpretación de pezas máis dificultosas.
A amplitude e variedade do seu repertorio tradúcese na traxectoria artística deste grupo. Así, é importante destacar que os seus integrantes lograron éxitos insospeitados, e os seus escenarios esténdense por toda a xeografía galega, traspasando incluso a mesma. O establecemento de diversos convenios culturais, con diferentes administracións públicas permitiulles impartir un número de concertos cando menos notable. O segredo do seu bo facer ben podería estar no interese, a disciplina e sobre todo, a cordialidade que como máxima lles inculcou o seu director e fundador. Na actualidade, Adolfo Paz Silva leva a dirección de “Cordas Clásicas do C.S.C.R. de Beade”, de maneira tan eficiente que xa gravaron un disco compacto, conxuntamente coa Masa Coral do C.S.C.R. de Beade.
Un aspecto a destacar neste grupo musical é o enorme esforzo que se fixo dende a dirección do mesmo na adaptación de obras de diferentes estilos, en aras de ampliar e enriquecer un pouco máis o repertorio de “Cordas Clásicas do C.S.C.R. de Beade”. Neste senso, entre as súas adaptacións podemos atopar “Alborada” de Veiga ou “El Rey Esteban” de Beethoven. É importante ter en conta que o número de partituras para este tipo de agrupacións dispoñibles no mercado é pequeno, o que supón un grande reto e un esforzo considerable para os directores. O redor de 35 persoas, de idades comprendidas entre os 8 e os 72 anos, forman o grupo actual, que se divide en dúas categorías:
Horarios de ensaio Escola: os venres de 18:30 a 20:00 h. (no C.S.C.R. de Beade) Grupo Principal: os venres de 20:00 a 22:00 h. (alternando entre o C.S.C.R. de Beade e a Asociación Veciñal de Castrelos) |
Cordas clásicas