| Pandereteras do C.S.C.R. de Beade |
|
|
![]()
Nace na Asociación de Veciños, Consumidores e Usuarios (A.V.C.U) – Centro Social, Cultural e Recreativo (C.S.C.R.) de Beade, tendo a súa presentación en público, na XII Festa-Feira da Cereixa, celebrada nesta Asociación no ano 1997.
Na actualidade consta de dous grupos, un de cativas con 12 compoñentes de idades comprendidas entre os 9 e os 16 anos e un de maiores de 18 anos con 5 compoñentes. A cargo de ámbolos dous grupos atópase Dna. Elena Pérez.
A liña do grupo vai enfocada á recuperación de cantares, pudendo ser estes interpretados sen acompañamento musical ou ben acompañados de pandeiretas ou outros instrumentos de percusión propios da zona como cunchas, pandeiros, botellas de anís, triángulos... Ás veces, tamén contan coa colaboración dalgún gaiteiro ou percusionista, membros do Grupo de Gaitas “Arume” do mesmo centro.
O seu repertorio consta de todo tipo de ritmos cantados de tradición galega, recuperados por toda Galicia, e sobre todo pola provincia de Pontevedra. Así, no seu repertorio pódense atopar dende ritmos para bailar agarrados, como pasodobres e valses; ou soltos, como xotas, maneos (denominación que se lles dá ás xotas da zona de A Coruña), muiñeiras ou ribeiráns; e cantos lentos de camiño, sachadas, xogos, cantos de Nadal, aninovo, ...
Estes cantares trasládannos a algún tempo no que en Galicia se cantaba para todo e se vivían cantando as tarefas do campo, as tecedeiras no tear, as lavandeiras no río, de camiño a calquera parte, ... e sobre de todo cara as romarías, seráns e foliadas. Cada momento do día e do ano tiña o seu cantar.
Este grupo tenta que este xeito de expresión do noso pobo siga vivo, recuperando do recordo dos nosos maiores os cantares da súa xuventude, e tentando selo máis fieis posibles pero tamén poñendo algo do seu sentimento, algo do seu corazón. |
Pandereteiras
