A Sala de exposicións do C.S.C.R. de Beade acolle “Acuarelas de Abalde”, de Antonio Abalde.
A través dun trazo realista e minucioso, Abalde plasma pequenos recunchos que transmiten un profundo amor e respecto pola xeografía e etnografía de Galicia.
Coma se dun álbum fotográfico se tratase, captura cos seus pinceis paisaxes mariñas, de montaña, regatos, cultura, tradicións e escenas costumistas que buscan transmitir valores de identidade galega que converten cada unha das súas pinturas nunha homenaxe á súa terra natal.
Infinidade de matices verdes e azuis caracterizan a obra de Abalde onde destaca a variedade cromática para recrear todos eses recunchos que se diseminan ao longo da xeografía galega e que son tan descoñecidos para o público.
A exposición estará aberta ata o 24 de marzo de 2024, de luns a domingo en horario de 10H a 21H.


