A A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade ven de dar a coñecer a programación cultural da «Cereixa de auga» de xaneiro, estando presentes actividades asociadas á época do Nadal.
O 2024 é inaugurado coa chegada dos “Reis Magos” a Beade o xoves 4 de xaneiro. Comezarán realizando un percorrido pola parroquia ás 16:00H., onde visitarán os 8 barrios que a compoñen para achegar a ilusión a cativos e maiores.
Unha vez finalizado o treito, serán recibidos ás 18:00H. na A.V.C.U. – C.S.C.R. pola Banda de cornetas, gaitas e tambores “Ría de Vigo”.
Seguidamente, o C.S.C.R. de Beade ten programado o “Concerto de Aninovo” a cargo da Kv2211 – Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, estando programado para o 13 de xaneiro ás 19:00H no Auditorio do C.S.C.R. de Beade. Entrada de balde.
Finalmente, a Sala de Exposicións do C.S.C.R. acolle ata o 20 de xaneiro a mostra de pintura colectiva “A arte en Nadal”, formada polos artistas Antonio Abalde, David Quinteiro, Jose Miranda, Julio García, Marcos Soto, Pilar Mourín, Pimira, Sofía Vázquez e Tania Ulloa.


