A A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade prosegue a temporada cultural da “Cereixa de outono” con arte, samaín, magosto, teatro, música de bandas e rondallas.
Dende o 2 de novembro ata o 28 do mesmo mes a Sala de Exposicións do C.S.C.R. de Beade acollerá “Expresión Gráfica”, unha mostra do artista mexicano Jack Andriano.
Seguidamente será a quenda de “Un Beade de medo”, unha proposta impulsada pola Asociación Xuvenil de Beade, en colaboración da A.V.C.U. – .C.S.C.R. de Beade, que fará as ledicias dos pequenos e xuventude o 2 de novembro nas instalacións da asociación mediante un Samaín infantil composto por talleres e festa a partir das 18:00H., e un xuvenil e adulto con túnel do terror e festa a partir das 20:00H.
Por outra banda, a gastronomía será a protagonista co “Magosto”, festividade onde non faltarán as castañas e a música da man do Grupo de pandereteiras “A volta do Demo” e do Grupo de folk “Tarxa”. O evento está programado para o sábado 9 de novembro a partir das 19:00H. nas instalacións da A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade.
Ao día seguinte, isto é, domingo 10 de novembro ás 19:30H., as artes escénicas terán o seu espazo no Auditorio do C.S.C.R. de Beade con “Profesión precaria”, do Grupo de teatro Rueiro, peza que forma parte da programación do “Outono Teatral” organizado pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais.
A continuación, a música de bandas chega ao Auditorio do C.S.C.R. de Beade co “Concerto de Santa Icía”, evento organizado pola Banda Escola de Música de Beade. O concerto está programado para o sábado 23 de novembro ás 19:00H.
Finalmente será a quenda do “III Encontro de Rondallas en Beade”, evento levado a cabo pola A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade que inaugura a actividade rondalleira na cidade e no que estarán presentes a Rondalla do C.S.C.R. de Beade e outras convidadas que se desvelarán conforme chegue a data.
A xornada comezará cun pasacalle de cada formación dende diferentes puntos da parroquia, tendo como punto de encontro o Torreiro de Festas de Santa Ana de Beade. Este acontecemento será o sábado 30 de novembro a partir das 16:00H (16:00H pasacalle / 17:00H acto central no Torreiro de Festas).


