Beade prepárase para vivir un dos acontecementos do ano na parroquia coa “Carreira da Cereixa”, conmemorando así a súa XII edición.
A proba, integrada dentro do circuíto de carreiras populares “RunRunVigo” do Concello de Vigo, ten prevista a súa celebración o domingo 25 de maio.
As e os atletas das categorías F-1 e M-1 a F-5 a M-5 percorrerán a partir das 10:30 h as rúas de Beade coas cerdeiras cheas de cereixas. Unha hora máis tarde está previsto que o fagan as categorías inferiores, integrando dende xuvenís ata pitufos.
A organización aspira a bater o record de inscritos establecido hai dúas edicións. Para elo convidan ás e aos corredores a participar nunha proba única que se caracteriza pola dureza das súas costas e unha paisaxe privilexiada da cidade olívica e da súa comarca.
As inscricións poden realizarse a través da páxina web de Magma Sports: https://magmasports.es/es/eventos/xii-carreira-cereixa


