A A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade prosegue a temporada cultural da “Cereixa de outono” con arte, música e teatro.
Dende o 1 de outubro ata o 31 do mesmo mes a Sala de Exposicións do C.S.C.R. de Beade acollerá “Mirada libre”, unha mostra de José Miranda e Rosa Isabel coa que queren transmitir aos visitantes paisaxes con dúas miradas diferentes.
A «XXVI Festa dos Callos» será quen de quentar o outono o domingo 6 de outubro a partir das 11:00H. a base da gastronomía da terra e acompañamento musical a cargo do Grupo de gaitas Val do Fragoso e o grupo folk As Escaravellas. Para a cativada estará habilitado un pintacaras.
Seguidamente, a música de bandas chega ao Auditorio do C.S.C.R. de Beade co “XXXIV Outono Musical”, evento organizado pola Banda Escola de Música de Beade no que estarán presentes a Banda de Música Artística de Arcade e a Banda Escola de Música de Beade. O concerto está programado para o domingo 13 de outubro ás 19:00H.
Finalmente, o Grupo de teatro “Tarantela” estrea a súa nova comedia o domingo 27 de outubro ás 19:00H. no Auditorio do C.S.C.R. de Beade.
Co título “Alvariño Concueiro”, os espectadores serán quen de observar o que ocorre nun hospital un pouco peculiar, con colas amontoadas de maneira singular.


