A Sala de Exposicións do C.S.C.R. de Beade ven de abrir ao público “Mirada libre”, unha mostra de Jose Miranda e Rosa Isabel coa que queren transmitir aos visitantes paisaxes con dúas miradas diferentes.
Coñecendo aos artistas:
Jose Miranda
O seu interese pola arte remóntase á crianza, coleccionando todo tipo de ilustracións e realizando pequenas obras e deseños con obxectos atopados.
Jose Miranda, debuxa, pinta, recorta, pega, ironiza, reinterpreta e fai homenaxe a todos aqueles seres e lembranzan que poboan a súa memoria. O seu imaxinario responde nun comezo á iconografía popular dos anos 80 e 90, e que trata de recuperar nun intento melancólico, pero divertido por atrapar a unha sociedade fetichizada ou mitificada dun pasado recente que desaparece pouco a pouco.
Nas súas primeiras obras, trata maiormente sobre a figura feminina, cunha marcada linguaxe publicitaria de estética pop e á que normalmente incorpora logotipos modificados, formas, tipografías e xogos de palabras, reinterpretado todo elo con certa ironía.
Desde hai uns anos tamén elabora obras de temáticas paisaxísticas, sobre todo nos concursos de pintura ao natural, co uso do collage e técnicas mixtas, onde se colan textos, texturas e imaxes extraídas de revistas, mapas, etc., técnicas que emprega tamén para outras temáticas, sen deixar así de facer un guiño aos seus comezos máis pop.
As influencias e temas dos seus traballos poden ser calqueira cousa que lle guste ou emocione. Desde unha lata de refresco a unha escultura clásica.
Rosa Isabel
O seu traballo artístico está profundamente influenciado polo seu achegamento ao mar. Desde velas e barcos ata regatas, cada obra enfócase nun só motivo, onde busca realzar o obxecto con volumen e un sutil movemento. Para elo, emprega unha mestura de acrílico e diversos aglutinantes, acadando texturas que convidan a explorar máis aló da superficie.
Non parte necesariamente dunha imaxe concreta; o seu proceso creativo nace dunha sensación interna que, con cada trazo, vaise transformando en algo tanxible. É un proceso de conexión profunda, onde a obra vai tomando forma mentras flúe con cada pincelada, coa presenza da auga sempre latente no fondo. Así, cada peza convértese nunha expresión de liberdade, movemento e conexión co entorno mariño.
Nesta exposición, as obras pertencen á serie «Sailing», que son e serán no futuro a base deste proceso con medios mixtos.
A mostra estará aberta ata o 31 de outubro de 2024, de luns a domingo en horario de 10H a 21H.
Datos de interese:
Nome da mostra: “Mirada libre”
Artistas: Jose Miranda e Rosa Isabel
Duración: do 1 ao 31 de outubro
Lugar: Sala de Exposicións do C.S.C.R. de Beade
Horario de visita: de 10H a 21H


