A Sala de Exposicións do C.S.C.R. de Beade ven de abrir ao público “Paisaxes recortadas”, unha mostra de Jose Miranda que fai viaxar ao espectador por terras galegas.
Coñecendo ao artista:
Jose Miranda
O seu interese pola arte remóntase á crianza, coleccionando todo tipo de ilustracións e realizando pequenas obras e deseños con obxectos atopados.
Jose Miranda, debuxa, pinta, recorta, pega, ironiza, reinterpreta e fai homenaxe a todos aqueles seres e lembranzan que poboan a súa memoria. O seu imaxinario responde nun comezo á iconografía popular dos anos 80 e 90, e que trata de recuperar nun intento melancólico, pero divertido por atrapar a unha sociedade fetichizada ou mitificada dun pasado recente que desaparece pouco a pouco.
Nas súas primeiras obras, trata maiormente sobre a figura feminina, cunha marcada linguaxe publicitaria de estética pop e á que normalmente incorpora logotipos modificados, formas, tipografías e xogos de palabras, reinterpretado todo elo con certa ironía.
Desde hai uns anos tamén elabora obras de temáticas paisaxísticas, sobre todo nos concursos de pintura ao natural, co uso do collage e técnicas mixtas, onde se colan textos, texturas e imaxes extraídas de revistas, mapas, etc., técnicas que emprega tamén para outras temáticas, sen deixar así de facer un guiño aos seus comezos máis pop.
As influencias e temas dos seus traballos poden ser calqueira cousa que lle guste ou emocione. Desde unha lata de refresco a unha escultura clásica.
A mostra estará aberta ata o 7 de febreiro, de luns a domingo en horario de 10H a 21H.
Datos de interese:
Nome da mostra: “Paisaxes recortadas”
Artista: Jose Miranda
Duración: do 7 de xaneiro ao 7 de febreiro
Lugar: Sala de Exposicións do C.S.C.R. de Beade
Horario de visita: de 10H a 21H


