En 1.997 foi a primeira vez que se levou a cabo a Festa do Socio, co obxectivo de crear un espazo de encontro entre todos aqueles axentes que conforman a Asociación de Veciños e Veciñas da parroquia de Beade. 

Coa celebración desta festa, preténdese homenaxear aos seus socios/as que ano tras ano fan que este centro siga funcionando grazas ás aportacións das súas cotas, a participación nas actividades e colaboración nos proxectos que se desenvolven durante todo o ano. 

Desde a súa orixe ofrécese un xantar tradicional galego, como é unha ración de callos, continuando cun surtido de doces caseiros, converténdose ao cabo dos anos nunha tradición anual dentro do programa cultural e gastronómico nos meses de outono.

Este encontro amenizado con música popular dos grupos de gaitas, pandereteiras ou cantareiras, axuda a crear un clima festivo para festexar a convivencia entre todos os veciños e veciñas. Así, esta festa é un día para disfrutar, homenaxear e agradecer a cada unha das persoas que fai que esto sexa posible.