PANDERETEIRAS "A VOLTA DO DEMO"
O Grupo de pandereteiras “A volta do Demo” nace no seo do Centro Cultural de Beade, tendo a súa presentación en público na “XII Feira – Festa da Cereixa”, celebrada no ano 1.997.
A liña do grupo vai enfocada á recuperación de cantares, puidendo ser estes interpretados sen acompañamento musical ou ben acompañados de pandeiretas e outros instrumentos de percusión propios da zona como cunchas, pandeiros, botellas de anís e triángulos.
Composición:
Na actualidade, o grupo dirixido por Leni Pérez está formado por aproximadamente uns 25 compoñentes, aos que lles hai que sumar membros das outras formacións folclóricas do C.S.C.R. de Beade: Grupo de baile galego “Semente da Arte Galega” e Gaiteiros “Arume”.
Repertorio:
O seu repertorio consta de todo tipo de ritmos cantados de tradición galega, recuperados por toda Galicia, principalmente na provincia de Pontevedra: pasodobres, valses, xotas, maneos, muiñeiras, ribeiranas ou sachadas, dando como resultado que estes cantares sexan quen de trasladar ao espectador a algún tempo no que en Galicia se cantaba para todo e se vivían cantando as tarefas do campo, as tecedeiras no tear, as lavandeiras no río ou de camiño ás romarías, seráns e foliadas.
Actuacións:
“A Volta do Demo” actúa desde a súa fundación en distintos centros culturais da cidade e bisbarra, seráns, festas gastronómicas e en festivais folclóricos.

