A A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade ven de presentar a programación da “Cereixa de outono” correspondente ao mes de outubro, estando presentes a gastronomía, o folclore tradicional, a música de bandas e o teatro.
A “XXV Festa dos callos e dos socios” abre a actividade achegando á parroquia un manxar propio da estación do ano na que nos atopamos e os concertos do Grupo de cordas clásicas do C.S.C.R. de Beade e Os Escaravellos. A cita terá lugar o domingo 8 de outubro a partir das 11:00H.
Ese mesmo día, o Auditorio do C.S.C.R. de Beade acolle ás 18:00H. unha nova xornada do “XIX Encontro Folclórico” organizado pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais. Nel participarán Froles Novas, Helios de Bembrive e, como convidados pola “Festa do socio da A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade”, Semente da Arte Galega e o Grupo Folclórico de Danças e Cantares do Fial (Portugal).
Seguidamente, a música de bandas chega ao Auditorio do C.S.C.R. de Beade co “XXXIII Outono Musical”, evento organizado pola Banda Escola de Música de Beade no que estarán presentes a Agrupación Musical de Goián e a Banda Escola de Música de Beade. O concerto está programado para o sábado 14 de outubro ás 19:00H.
Finalmente, o domingo 22 de outubro ás 19:30H. recibimos a visita da Compañía Rueiro para poñer en escena “Historias Peregrinas”. Esta función que será representada no Auditorio do C.S.C.R. de Beade forma parte do “Outono teatral” que está a levar a cabo a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais.

