O Atlántico Diario ven de publicar unha reportaxe en relación á floración das cerdeiras que se está a producir en Beade.
Este efecto propio da estación primaveral fai que os cidadáns de Vigo e os seus visitantes observen unha ladeira cuberta por un manto branco que lembra lugares tan simbólicos coma o Xapón, país do sol nacente onde se festexa o “Hanami”.
Por outra banda, no artigo tamén se fai referencia á “Feira – Festa da Cereixa”, que este ano cumprirá a súa XXXVII edición. Os alumnos do C.E.I.P. Coutada Beade, C.E.I.P. Otero Pedrayo e I.E.S. Beade ultiman nestes intres os carteis que optarán a anunciar a festividade que terá lugar o 1 e 2 de xuño.
A A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade quere agradecer a Sergio Fernández o artigo publicado e ao Atlántico Diario por poñer a nosa parroquia na portada da xornada, así como ao Monte Veciñal en Mancomún de Beade por deixarnos entrar nunha das súas plantacións.
Finalmente, aproveitamos a ocasión para convidarvos a visitar Beade e desfrutar da súa paisaxe nevada.
Artigo completo 25/03/2024: https://www.atlantico.net/

